Saturday 18 de May de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica as axudas para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento para as ONGDs


A dotación orzamentaria é de 325.000 euros, dos cales 130.000 euros son para este ano e 195.000 euros para o 2017

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das axudas para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento a executar polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (ONGDs), cunha dotación orzamentaria de 325.000 euros, dos cales 130.000 euros son para este ano e 195.000 euros para o 2017.

A orde que hoxe se publica establece o marco normativo que regulará a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de proxectos de educación para o desenvolvemento, que executarán as Organizacións Non Gobernamentais de Desenvolvemento (ONGD). Para cada proxecto aprobado, poderase anticipar o 100 por cento de cada unha das anualidades, no caso da anualidade do 2017, previa xustificación da anualidade 2016. Nesta convocatoria auméntase o importe máximo de subvención concedida aos proxectos, non pudendo superar os 35.000 euros os proxectos plurianuais, e os 45.000 euros os proxectos presentados por unha agrupación de entidades.

Ao amparo desta Orde poderanse financiar actividades desenvolvidas dentro das catro dimensións que forman parte da educación para o desenvolvemento, coma son a sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza; a formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento; a investigación sobre o desenvolvemento; e a incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.

A convocatoria de subvencións para proxectos de educación para o desenvolvemento vén publicándose anualmente, de forma ininterrompida, dende o ano 1996. A educación para o desenvolvemento é un valor engadido da cooperación descentralizada que cómpre potenciar dende a cooperación galega, tendo en conta, ademais, que a meirande parte das ONGD galegas traballan neste eido como unha das súas liñas estratéxicas.

Beneficiarios das axudas
As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento e agrupacións lideradas por ONGD cos outros axentes de cooperación, coma son as universidades, empresas e organizacións empresariais, sindicatos, as comunidades galegas no exterior, e outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.

III Plan Director da Cooperación Galega
A convocatoria enmárcase no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, aprobado polo Parlamento de Galicia o pasado 18 de marzo de 2014, e no Plan Anual 2016, aprobado polo Consello da Xunta o 21 de xaneiro, en especial no que se refire a levar a cabo unha política de educación para o desenvolvemento orientada a construír unha cidadanía global comprometida co cambio social, a solidariedade e o desenvolvemento humano sostible, e apoiar a formación e capacitación especializada de actores e axentes de cooperación.